A nosa metodoloxía

A nosa metodoloxía


    PRINCIPIOS METODOLÓXICOS.

1. Personalización da aprendizaxe.
O alumno está no centro do noso Proxecto Educativo, é quen está chamado a liderar o seu propio proceso de aprendizaxe. O currículo, a metodoloxía, o papel do profesor, a avaliación, a organización e os espazos de aprendizaxe actualízanse e renovan de tal maneira que respondan a esa personalización da experiencia de aprendizaxe, que é o punto de mira esencial que tenta conducir toda a vida do noso centro educativo.

Seguindo a teoría desenvolvida por  Howard  Gardner, tentamos ofrecer a todos os alumnos distintas oportunidades para progresar nos diversos campos relacionados coas oito intelixencias: lingüística, lóxico-matemática, visual-espacial, musical,  cinestésico-corporal, interpersoal,  intrapersonal e naturalista.

Esta teoría confírmanos que as diferenzas individuais son importantes, e por iso tentamos responder a todas elas, potenciando en cada un dos nosos alumnos as súas características particulares que lle permitan un maior progreso e aprendizaxe.

Cada alumno é intelixente. Das oportunidades que lle deamos dependerá que poida desenvolver as súas múltiples intelixencias, facendo que emerxa a súa autonomía na aprendizaxe.

2. Globalidade e interdisciplinariedade.
Tradicionalmente na escola viñemos parcelando e fragmentando moito as tarefas, os esforzos persoais, as materias de traballo... Os nosos alumnos do século XXI non aprenden desta maneira. Necesitan globalizar todos os esforzos e procesos que se desenvolven dentro da escola, facendo que a aprendizaxe sexa único, conxunto, interdisciplinar, coordinado, ao unísono...

Esta forma global e interdisciplinar de aprender susténtase na  significatividade das aprendizaxes, onde os coñecementos e competencias que se adquiran na aula poidan ser utilizados en calquera situación da vida cotiá que o requira.

Todo o que forma parte da vida do neno, da súa realidade, debe conformar o currículo escolar: a familia, a contorna vital, a actividade económica, política, social e cultural, a actualidade do mundo, as noticias e acontecementos que nos permitan un mellor coñecemento do mesmo...

A realidade do mundo en que vivimos é sempre global, formando un todo  interdependente e con sentido. As matemáticas, a lingua, o coñecemento da contorna, a arte… forman parte dun conxunto global de relacións e de saberes, non están separadas as unhas das outras coma se fosen compartimentos estancos.

3. Aprendizaxe baseada no pensamento.
Cremos que a escola de hoxe está chamada a superar algúns modelos anteriores, que primaban o esforzo por encher a cabeza dos alumnos de ideas e datos, moitas veces desconectados da experiencia.

Entendemos que todo o traballo curricular e os distintos plans e programas que levamos adiante están chamados a potenciar o desenvolvemento do pensamento dos alumnos, con diferentes rutinas de pensamento e estratexias de metacognición.

A competencia de aprender a aprender require coñecer e controlar os propios procesos de aprendizaxe para axustalos aos tempos e as demandas das tarefas e actividades que conducen á aprendizaxe. Desemboca nunha aprendizaxe cada vez máis eficaz e autónomo.

Esta competencia inclúe unha serie de coñecementos e destrezas que requiren a reflexión e a toma de conciencia dos propios procesos de pensamento e aprendizaxe. Así, os procesos de coñecemento convértense en obxecto do coñecemento e, ademais, hai que aprender a executalos adecuadamente.

O adestramento dos procesos de metacognición vai permitindo facer visible en cada alumno o propio pensamento, potenciando esa competencia para aprender a aprender.


    ESTRATEXIAS METODOLÓXICAS.

1.     APRENDIZAXE BASEADA EN PROXECTOS.
A principal estratexia metodolóxica na que se basea o noso proxecto educativo é a Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP). Este enfoque busca mellorar as condicións de aprendizaxe, convertendo aos alumnos en protagonistas da súa aprendizaxe a través das tarefas integradas no proxecto.

Ao igual que outras metodoloxías que pertencen aos modelos sociais de aprendizaxe (Joyce y Weil, 2002), a aprendizaxe baseada en proxectos senta as súas bases en pedagoxías activas e segundo diversos autores nace no movemento de renovación pedagóxica denominado Escola Nova e se nutre do construtivismo. 

Tal e como postulou John Dewey a única maneira de aprender é facéndoo e esta é a premisa básica do traballo a realizar.

Potenciar a reflexión e a creatividade, así como a autonomía e iniciativa dos alumnos, son outros dos principios que engloban este tipo de aprendizaxe.
Ademais, son numerosas as vantaxes deste tipo de metodoloxía:
- Facilita a inclusión e a atención á diversidade.
- Fomenta o traballo colaborativo e cooperativo para construír o coñecemento.
- Incrementa a motivación dos estudantes.
- Promove o desenvolvemento das habilidades sociais e comunicativas.
- Conecta a aprendizaxe académica coa aprendizaxe informal.
- Permite o uso creativo da tecnoloxía
- Desenvolve o pensamento complexo (Railsback, 2002).

2.     APRENDIZAXE COOPERATIVA.
A aprendizaxe cooperativa é unha ferramenta metodolóxica que tenta aproveitar as enormes posibilidades que ofrece a interacción social para potenciar a aprendizaxe de todo o alumnado, independentemente do seu nivel.

A base da aprendizaxe cooperativa está no que algúns autores chaman a "tríada cooperativa", as tres premisas básicas que habemos de promover para asegurarnos unha mínima eficacia neste traballo cooperativo:

1- A  interdependencia positiva. É necesario que os alumnos se necesiten para facer o traballo, que todos sexan imprescindibles, xa que en caso contrario algúns non serían tidos en conta para a realización da tarefa. * Necesítanse uns a outros?
2- A participación equitativa. É fundamental que todos os membros do equipo poidan participar minimamente na realización das propostas, para que todos teñan a oportunidade de desenvolver os procesos necesarios para aprender. * Poden participar todos?
3- A responsabilidade individual. É básico que sexamos capaces de comprobar o que fixo cada un dentro da dinámica de traballo do equipo, promocionando unha mínima responsabilidade individual que garanta a implicación dos distintos membros do equipo. * Podemos comprobar o que sabe cada un?

A través do traballo en grupo, os alumnos conseguen adoptar uns obxectivos comúns e obter resultados beneficiosos para todos.
As vantaxes deste tipo de metodoloxía son claras e moi beneficiosas para todo o alumnado, asegurando unha adecuada atención á diversidade da aula:
- Desenvolve actitudes positivas cara a aprendizaxe.
- Promove as relacións entre os alumnos.
- Desenvolve habilidades interpersoais e estratexias para resolver conflitos.
- Desenvolve a tolerancia, o respecto, a flexibilidade e a apertura cara os demais.
- Diminúe os sentimentos de illamento de cara á aprendizaxe.
- Educa en valores de cooperación, solidariedade e xenerosidade.

Co fin de que esta Aprendizaxe Cooperativa se desenvolva, a docencia leva a cabo diferentes técnicas, que non só potencian o traballo en grupo dun xeito global, senón que garanten que dito traballo se converta en cooperativo e os obxectivos propostos se acaden.

3.     MÉTODO DIDÁCTICO.
O método didáctico que se desenvolve en canto á organización da materia é o método baseado na psicoloxía do alumno, xa que a orde elixida para presentar os contidos parte dos intereses e experiencias do alumno e daquilo que coñece cara o descoñecido.

Por outro lado, en canto a súa relación coa realidade o método é intuitivo, xa que o que se pretende é acercarse á realidade do alumno o máis posible. Isto realizarase a partir de actividades experimentais que permitan ao alumno probar e comprobar.

Ademais, en canto ás actividades o método é activo, xa que conta coa participación do alumno e o mesmo método e as súas actividades son as que logran a súa propia motivación.

En relación á sistematización de coñecementos o método considérase globalizado, xa que a partir dun centro de interese, as clases desenvólvense abarcado un grupo de áreas, materias e temas de acordo coas necesidades. Considérase que o importante non son as materias senón o tema que se trata.

Por último, en canto á aceptación do ensinado por parte do alumno, o método é heurístico ou de descubrimento, xa que o que prima é a comprensión por diante da memorización; o mestre presenta os elementos da aprendizaxe para que o alumno os descubra.

4.     PAPEL DO PROFESORADO.
O rol do docente e do alumno constatan un xiro en relación aos modelos tradicionais, pasando este último a ser protagonista da súa aprendizaxe.

O docente, neste marco pedagóxico que estamos a deseñar, pasa de ser un informante a ser un creador de experiencias enriquecedoras de aprendizaxe. Por tanto, a función docente de dar clase evoluciona da mera transmisión de coñecementos a outra que consiste en guiar, mediar e facilitar a aprendizaxe construtiva, apoiado na idea da resolución e o desenvolvemento de proxectos.

5.     USO DAS TIC.
No mundo actual son numerosos os esforzos que se veñen realizando nas últimas décadas para transformar a ensinanza e a aprendizaxe, e que seguen en constante desenvolvemento. Deste xeito, son varios os factores que se veñen conxugando no paso dos últimos anos e que son a clave para levar a cabo a tan ansiada renovación pedagóxica.

En primeiro lugar, as taxas de adopción das tecnoloxías para usos sociais e comunicativos que as novas xeracións manexas e utilizan na súa vida diaria cada vez antes. Este factor predispón a todos estes xoves a traballar nas escolas dun xeito diferente, incluíndo a tecnoloxía.

En segundo lugar, outro dos factores que exerce unha gran influencia nesta renovación son as numerosas empresas que ofrecen servizos con contidos educativos; a densidade desta oferta que se presenta dun xeito gratuíto é enorme e supón un dos recursos máis importantes para os docentes.

O terceiro factor é a dispoñibilidade de dispositivos de uso individual, como as tabletas, que están igualmente ao alcance dunha proporción moi elevada de alumnos e practicamente tódolos docentes son grandes usuarios destes dispositivos.

Dentro de todo este contexto informatizado e asociado coas novas tecnoloxías, a nosa metodoloxía está marcada polo uso de tabletas. Cada neno disporá dunha tableta para o seu uso persoal e que facilitará o traballo dos contidos dentro da aula e fora dela.

Para o traballo diario na aula coas tabletas e as novas tecnoloxías, combinamos basicamente dous proxectos tecnolóxicos de aplicación na escola: Samsung School e Google Suite. Estes proxectos permítennos a xestión e o control moi directos do traballo na aula, tanto individual como  grupal.

Preténdese potenciar a motivación dos nenos de cara á aprendizaxe, ofrecerlles a posibilidade de acceder á información a través do uso da internet, utilizar múltiples e variadas aplicacións que promoven unha aprendizaxe activa e interdisciplinar, que aprendan a utilizar as novas tecnoloxías dun xeito responsable, que accedan á información e a analicen dun xeito crítico, que aprendan a comunicarse co mundo que os rodea, e que as novas tecnoloxías sexan un recurso favorable no seu proceso de aprendizaxe.

6.     FOMENTO DA LECTURA.
A lectura é un tipo de actividade instrumental que se traballa de maneira case inconsciente e continua durante o transcurso de moitas das sesións das diferentes materias.

Se hai unha aprendizaxe básica nesta etapa de Educación Primaria esa podería ser a lectura, que permite abrir a porta do resto de tarefas e aprendizaxes a desenvolver. Unha vez adquiridas as destrezas básicas, tanto expresivas como comprensivas, o alumno terá nas súas mans a ferramenta fundamental para desenvolver todo tipo de proxectos e tarefas que o profesor lle presente diante.

A través do traballo de busca e pescuda de información para os diferentes proxectos os nenos deben realizar un exercicio de comprensión lectora que lles permita transferir os datos atopados e solucionar os problemas propostos.

Nos cursos máis avanzados da etapa, usarase o dicionario con frecuencia para a busca de novas palabras relacionadas coa materia, e polo tanto estarase potenciando a adquisición de novo vocabulario.

O principal obxectivo é propiciar un acercamento á lectura e crear unha posterior afección. E en está tarefa están comprometidas e implicadas todas as materias do currículo, non exclusivamente as lingüísticas.

7.     EDUCACIÓN EN VALORES.
Os elementos transversais que se propoñen no Decreto 105/2014, son unha parte fundamental do proceso que axuda ás persoas a construírse racial e autonomamente, a formarse como individuos sociais capaces de integrarse na sociedade que os rodea.

Deste xeito, en todas as actividades do centro este tipo de elementos transversais estarán presentes, e dentro de cada materia traballaranse dun xeito máis específico.

• A comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual e as TIC, como base de toda disciplina, sexa cal sexa o seu enfoque, traballaranse en todas as actividades propostas desde o centro.

• Educación moral e cívica. Todas as actividades baséanse no respecto e o diálogo, en aprender a escoitar aos demais, aceptar as opinións e críticas e en saber aportar as novas propias de xeito educado e sen ofender nin facer dano aos demais. Ademais favorecerase a calidade, equidade e inclusión educativa das persoas con discapacidade, e favorecerase en todo momento a igualdade de oportunidades e a non discriminación a través de medidas de flexibilización, alternativas metodolóxicas e todas aquelas medidas que sexan necesarias para conseguir que todos os alumnos poidan acceder a unha educación de calidade en igualdade de oportunidades.

• Educación para a igualdade entre os sexos. Desde sempre existiron roles moi significativos entre os dous sexos derivados de estruturas sociais ancestrais, que hoxe en día, pouco a pouco se van superando. Na aula modificarase calquera hábito discriminatorio polo sexo e procuraranse actividades que non impliquen tal situación. A tal efecto, coidaranse as tarefas, debuxos e vocabulario, e fomentarase que todo o mundo realice todos os exercicios e actividades propostas.

• Educación para a paz e a tolerancia. A través das actividades realizadas na aula promoveranse aprendizaxes de prevención e resolución pacífica de conflitos en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, así como dos valores que sustentan a liberdade, a xustiza a igualdade, o pluralismo político, a paz, a democracia, o respecto polos dereitos humanos e o rexeitamento da violencia terrorista e a pluralidade.

• Educación ambiental. Foméntase a toma de conciencia da realidade global que nos rodea, do tipo de relacións que os humanos establecemos coa natureza e dos problemas derivados por ditas relacións e as súas causas. A través deste tipo de accións o que se pretende é desenvolver as habilidades e aptitudes necesarias para que exista unha transformación e se mellore o entorno. Dun xeito máis concreto realizaranse actividades que rexeiten a contaminación sonora, que fomenten o coidado cara os seres vivos, de reutilización e reciclaxe de obxectos desde o propio centro, así como a través da toma de conciencia da importancia da redución e uso adecuado da auga.

• Educación para a saúde. Traballarase a partir da práctica de hábitos de hixiene persoal, alimentación variada e de exercicio físico regulado, así como do fomento da importancia do descanso diario.

• Responsabilidade e educación consumista. Fomentaranse actitudes críticas fronte ao consumismo excesivo presente na nosa sociedade tratando de crear hábitos de consumo responsables e coherentes.

Os  valores  que  sosteñen  o  centro  e  que  á  vez  queremos  transmitir  aos  nosos alumnos  explicitan  de  maneira  concreta, segundo recolle o noso Carácter Propio, a nosa visión do mundo.
Son   cinco   valores   concretos   (responsabilidade,   creatividade,   convivencia, xustiza,  interioridade)  pero  entendidos  de  maneira  ampla,  de  forma  que  engloban outros moitos que tentamos traballar de maneira continua.

RESPONSABILIDADE. Axudamos aos  alumnos  a  tomar  decisións  coherentes  cos  seus  valores  e crenzas, conscientes das obrigacións e consecuencias que diso se derivan. Os  alumnos  atopan  oportunidades  para  exercer  este  valor  na  fidelidade  á palabra dada, no traballo persoal, na participación na vida escolar, no cumprimento das normas consensuadas, no desenvolvemento de hábitos de orde e puntualidade...

CREATIVIDADE. Contribuímos ao crecemento persoal estimulando a capacidade de creación, de iniciativa e de ver as cousas de forma diferente. Os alumnos atopan   axudas  para  alcanzar a autonomía, a resolución de problemas, o desenvolvemento da orixinalidade, a intuición e o espírito crítico, que lles permitan ter unha  amplitude  de  miras,  flexibilidade de pensamento,  aprecio  pola dimensión estética e capacidade de establecer metas e proxectos.

CONVIVENCIA. Impulsamos  a  aceptación  mutua,  o  traballo  en  equipo,  as  relacións  fraternas, a confianza,  a  comunicación  e  o  respecto  das  opinións  e  crenzas,  sempre  que  se respecten os dereitos humanos, os valores cristiáns e os principios democráticos. Os alumnos aprenden a respectar a diversidade e  singularidade de cada un, a apertura cara a persoas e institucións, a participación  no  exercicio  democrático,  o desenvolvemento da amizade e o aprecio da propia cultura.

XUSTIZA. Favorecemos a adquisición dunha conciencia social, de hábitos e  actitudes de servizo, de axuda gratuíta e de adhesión a proxectos solidarios.  Insistimos na importancia da paz, a ecoloxía, a cooperación e o voluntariado. Os  alumnos aprenden xuntos a tomar conciencia das inxustizas sociais e a comprometerse en favor dunha sociedade máis xusta e fraterna.

INTERIORIDADE. Potenciamos experiencias que permiten a expresión de vivencias e sentimentos, a reflexión, a sinceridade, a capacidade de empatía e  admiración, valoración do silencio, o desenvolvemento da autoestima e o desexo de autenticidade. Os alumnos atopan no centro un lugar para a experiencia onde  comprender e interpretar os feitos, interiorizar o que sucede no mundo e construír un proxecto de vida no que integren nun todo harmónico as ideas, as crenzas, os   valores e os comportamentos.

8.     ATENCIÓN Á DIVERSIDADE.
A aula é un lugar totalmente falto de uniformidade, o que obriga ao profesorado a idear continuamente novas estratexias que dalgunha forma axuden aos seus alumnos no desenvolvemento da materia.

Independentemente da existencia dun alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, ANEAE, a aula é un lugar no que existen todo tipo de casos, non obrigatoriamente pertencentes ao exemplo anterior, senón simplemente con dificultades na aprendizaxe ou polo contrario cunhas capacidades intelectuais superiores.

As actividades que se propoñen para tratar os casos de diversidade baséanse na variedade para satisfacer así á maioría dos alumnos e dalgunha forma fomentar continuamente a motivación destes; por outro lado, ofrecer a posibilidade de opinar e expresarse é sempre unha prioridade.

O traballo cooperativo fomenta o traballo en equipo e a axuda entre todos os membros do mesmo, favorecendo a aqueles con máis dificultades e dando a posibilidade aos máis avantaxados de mostrar os seus coñecementos e poñelos en práctica ante o resto.

Deste xeito, a través deste tipo de actividades preténdese chegar á diversidade da aula. Para todos aqueles nenos que teñen maiores dificultades proponse un reforzo educativo. Ademais, para traballar co alumnado que presenta unhas capacidades superiores proporanse actividades de ampliación que os motiven na materia e que os permita avanzar ao seu propio ritmo.

O traballo por proxectos tamén axudará a que cada neno alcance uns contidos comúns mínimos e despois poida investigar e avanzar neles todo o que se atope no alcance das súas posibilidades.

Por último, cabe destacar que existe a posibilidade de realizar adaptacións curriculares significativas, nas que vistas as características e posibilidades dalgúns alumnos se modificarían os elementos básicos do currículo.

9.     XADREZ NO AULA.
Un dos eixos conceptuais do noso método de xadrez na aula é o marco do ensino para a comprensión, o cal serviu para o deseño da guía do mestre e as pezas dos alumnos. O propósito de usar este marco é contar cunha visión da educación que fomente a comprensión dos estudantes.

Segundo esta visión, a verdadeira comprensión dun tópico depende en gran medida do que o alumno pode facer con el. Neste contexto, David  Perkins define así a comprensión: «Comprender algo é ser capaz de pensar e actuar  flexiblemente co que sabemos para resolver problemas, crear produtos e interactuar co mundo que nos rodea».

Por tanto, a comprensión é un asunto de acción, non só de coñecemento de algo, senón do que se pode facer co que se sabe. Trátase de pensar e actuar de maneira flexible nun contexto diferente. Para logralo, requírese o desenvolvemento do pensamento, e é neste sentido que o método de xadrez na aula atopou na noción de «comprensión» unha oportunidade inigualable.

Co obxectivo de traballar a comprensión, a atención e a concentración, entre outros aspectos, traballarase o xadrez na aula. O propósito principal é que os alumnos aprendan a pensar e actuar dun xeito flexible e nun contexto diferente.

O que faremos será converter a aula nun ximnasio mental para desenvolver o pensamento e fomentar os valores e as habilidades sociais nos nosos nenos.

A organización deste método consta de varias sesións que se repartirán entre todas as materias, para que se realice dun xeito global e sempre relacionando os obxectivos a traballar coa materia que máis relación teñan.

10.            GAMIFICACIÓN.
A gamificación é unha técnica de aprendizaxe que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo, co fin de conseguir mellores resultados: serve para absorber coñecementos, para mellorar habilidades, para recompensar accións concretas...

Unha das claves principais ao aplicala é que os alumnos teñan perfectamente asimiladas as dinámicas de xogo que levarán a cabo. Todas elas teñen por obxecto implicar ao alumno para xogar e seguir adiante na consecución dos seus obxectivos mentres se realiza a actividade.

Calquera actividade realizada en contexto da gamificación busca lograr tres claros obxectivos: por unha banda a fidelización co alumno, ao crear un vínculo co contido que se está traballando; doutra banda busca ser unha ferramenta contra o aburrimento e que fomente a motivación; finalmente quere optimizar e recompensar ao alumno naquelas tarefas nas que non hai ningún incentivo máis que a propia aprendizaxe.

11.            EDUCAR O TALENTO EMPRENDEDOR.
O talento emprendedor é froito de todas as capacidades e habilidades que durante a infancia e a adolescencia adestramos nas diferentes contornas educativas, desde a escola e a familia ata os espazos de lecer ou os medios de comunicación.

É o talento que permitirá aos nenos e os mozos afrontar a vida con enerxía, responsabilidade, capacidade de liderado e traballo en equipo, creatividade, valentía e eficacia. Levaraos a escoller a súa profesión e vivir o seu traballo como unha forza transformadora da sociedade, pero tamén a deseñar a súa vida persoal coa fortaleza necesaria para aprender dos fracasos, con sabedoría para gozar dos éxitos, e coa liberdade que necesitan para escoller o que queren ser.

Temos como reto introducir a competencia de aprender a emprender na práctica ordinaria educativa do noso centro, a través da implementación e avaliación de proxectos nos que o emprendemento sexa un factor fundamental, e así ir promovendo unha auténtica escola emprendedora.

O ensino por competencias é un instrumento idóneo para adestrar e desenvolver de maneira sistemática todas estas habilidades na persoa, e en canto á competencia de aprender a emprender, descansa sobre catro eixos:
- desenvolvemento da autonomía persoal,
- capacidade de liderado e traballo en equipo,
- capacidade de innovación e planificación,
- xestión eficaz de todo tipo de recursos.

12.            COMPROMISO SOCIAL NA CONTORNA.
A educación social e o compromiso coas necesidades da nosa contorna é unha dimensión importante na acción educativa do noso centro Casa  do  Neno. Este valor achega unha faceta nova ao noso centro, unha alternativa de vida e un estilo de configurar a persoa, é unha proposta integral e non un elemento illado na educación, incide nas opcións do centro e nos criterios educativos.

Como educadores debemos ser os primeiros en vivir esta dimensión social no noso estilo de vida, nas nosas opcións, na nosa maneira de tratar aos alumnos, na dedicación aos alumnos máis necesitados, na nosa responsabilidade na formación sobre estes temas…

  Para educar dunha maneira crítica e comprometida co mundo temos que centrarnos principalmente na adquisición das seguintes actitudes (para educadores e alumnos):

-         Promover a capacidade de “abrir os ollos” para ver as realidades inxustas próximas ou máis afastadas, provocadas directa ou indirectamente por nós.
-         Xulgar as realidades de necesidade, ter unha capacidade crítica para preguntarse sobre as causas das inxustizas sociais.

-         Comprometernos a favor dos máis necesitados, con xestos concretos que nos encamiñen cara a accións de solidariedade verdadeira.
-         Posibilitar unha educación en valores que motive esta base educativa, desenvolvidos a través dos eixos transversais, titorías, campañas,…
      
      13. INICIACIÓN Á ROBÓTICA.
O novo marco curricular do sistema educativo galego trata de garantir que o alumnado adquira non só coñecementos curriculares, senón, tamén, que acade as competencias clave para o seu pleno desenvolvemento persoal e social. Para isto faise necesario utilizar estratexias metodolóxicas activas, recursos que o alumnado identifique como motivadores e próximos á súa realidade tecnolóxica e un enfoque interdisciplinar da aprendizaxe.

Neste senso, a robótica educativa pode xogar un papel destacado xa que permite traballar as áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM nas súas siglas en inglés). E levando adiante esta estratexia metodolóxica buscamos introducir de maneira curricular a robótica e o pensamento computacional, e polo tanto a programación, xa desde a etapa de Educación Primaria.

A nosa proposta de robótica educativa integrada no traballo curricular desenvólvese a partir de varias liñas de traballo:
·        Fomenta a autonomía dos alumnos e involúcraos activamente na súa propia aprendizaxe.
·        Potencia diversas habilidades: creatividade, experimentación, investigación, atención, concentración, organización, toma de decisións...
·        Promove a capacidade de resolver problemas, potenciando un razoamento lóxico, analítico e crítico.
·        Permite a integración de distintas áreas curriculares, a través de actividades lúdicas e resolución de retos.