luns, 11 de novembro de 2019

Metacognición intermedia

O primeiro proxecto deste curso segue avanzando e cada semana aprendemos novas cousas. 
Como sabedes os nosos proxectos divídense en tarefas, son diferentes partes nas que se reparten os contidos que temos que traballar. 

A primeira tarefa foi sobre "As nosas amigas as plantas", e nela traballamos as partes das plantas, a diferencia entre seres vivos e inertes, as características que definen aos seres vivos, plantamos lentellas e metemos a planta nunha caixa para descubrir que é iso do fototropismo... Tamén aprendemos a autoavaliarnos e a facer rutinas de pensamento... 

Na segunda tarefa, sobre a horta, fixemos un pequeno sementeiro, que por certo, xa comenzou a medrar e que a próxima semana os ensinaremos con máis detalle, tamén aprendemos os diferentes tipos de plantas que existen e os usos que podemos facer delas. 

A próxima semana comenzaremos coa última tarefa deste primeiro proxecto, e a pensar no produto final... 

Cantas cousas en tan pouco tempo! E sen embargo, cada día que pasa os contidos van asentando na nosa cabeza pouquiño a pouco... 

Esta é a razón de facer a metacognición. Parece unha palabra un pouco rara pero simplemente consiste en reflexionar sobre o proceso de aprendizaxe que estamos a realizar; pensar no que imos aprender, ou no que xa fixemos. 

A semana pasada fixemos a Metacognición intermedia, que se realiza máis ou menos na metade do proxecto, e nela o que facemos e pararnos un pouco a pensar en todo o que aprendemos ata o momento, nas cousas que nos resultaron máis difíciles, nas que máis nos gustaron e incluso propoñemos ideas para poder aprender un pouquiño mellor. 

Trátase dunha tarefa de pensamento complicada, pero os nosos pequenos están aprendendo a realizala cada día mellor, reflexionan, propoñen ideas sen medo e sobre todo, son conscientes de todas as cousas que fixeron e de como están aprendendo. 

Deixámosvos algunhas fotos para que vexades que ben traballan!