Para iso é importante comprender que cada persoa é única e especial, que temos diferenzas que son positivas e enriquecedoras e saber o que compartimos en común cos demais tamén nos axuda a saber respectar o que é diferente.
Estivemos traballando a empatía a través dunha dinámica que nos ensinou a fada Iris, do bosque das emocións, na que cada compoñente do grupo tiña un papel de cores diferentes e no centro da mesa outro papel doutra cor. Cada un do grupo, por quendas, ía dicindo o que máis lle gustaba (comidas, xogos, lugares...) e se ninguén máis do grupo compartía ese gusto, o apuntaba no seu papeliño, sen embargo, se había máis compañeiros que compartían os mesmos gustos, anotábase no papel do centro.
Sorprendeunos descubrir que temos moitas cousas en común e que isto nos permite coñecernos mellor e poder compartir máis momentos de xogo variado e con máis xente da que pensabamos.
Outra dinámica que nos axudou a coñecernos mellor, a nós mesmos e aos demais, foi a de "elementos únicos". A través dun debuxo dun átomo, coa nosa foto como núcleo, no centro, fomos escribindo ou debuxando cousas que nos gustaban (cores, películas, cancións, deportes, comida...). Axudounos a poder expresar libremente os nosos gustos e opinións, fomentando así o respecto e a escoita por parte dos demais compañeiros.