Hoxe visitamos a Catedral de Santiago e o Museo das Peregrinacións como parte do noso proxecto deste trimestre. Foi un día moi completo que vos contamos con detalle a continuación.
Comezamos onte na clase reflexionando sobre as cousas que pensabamos que acontecerían hoxe, é dicir, analizando as nosas ideas previas para despois, ao volver poder comparalas cos novos pensamentos e coñecementos adquiridos.
Rutina de pensamento: Antes pensaba, agora penso. |
E despois de prepararnos para esta saída chegou o momento, e como o tempo nos acompañou, paseamos tranquilamente polas rúas da nosa cidade ata a praza do Obradoiro.
Polo camiño puidemos observar as torres da catedral desde lonxe, introducirnos na rúa de San Pedro e facer o último tramo do Camiño Francés, observar o lugar polo que pasaba a antiga muralla, ver a Porta do Camiño, a Praza de Cervantes... Que divertido ver en directo todas as cousiñas das que falaramos na clase!
Na Porta do Camiño. |
Comenzamos visitando a Praza do Obradoiro e despois a da Quintana, por petición popular, xa que todos querían ver a Porta do Perdón, así que fixemos caso aos máis peques e percorrimos as rúas que rodean a catedral para vela desde todas as perspectivas.
Despois accedimos á catedral pola porta da praza de Praterías e visitamos a basílica por dentro onde puidemos observar todas as cousas que o profe César nos ensinou na clase de relixión. A forma da igrexa, os lugares especiais, as grandes columnas que suxeitan o edificio, o Pórtico da Gloria (aínda que está en obras así que teremos que volver)...
Tamén tivemos tempo para ver os restos do Apóstolo e abrazalo, e de ver a Porta Santa por dentro.
Ao rematar coa catedral fumos dereitiños ao Museo das Peregrinacións onde Raquel, a nosa guía, nos ensinou moitísimas cousas novas e nos volveu a explicar outras das que xa falaramos na clase.
Desde logo foi un día moi completo e intenso onde aprendemos moitas cousas que temos xusto ao ladiño da nosa casa e que non coñeciamos.
Ao chegar ao cole rematamos a rutina de pensamento e escribimos un montón de cousas no apartado "Agora penso", a algún faltáballe sitio para escribir todo o que pensaba despois da visita!
Deixámosvos todas as fotos para que as poidades ver.
Fai clic na imaxe para ver máis. |